Tras varias semanas de preparación de material (carteis, decoración, pasaportes, pegatinas identificativas…) e unha longa tarde de montaxe por parte das familias e do profesorado, a nosa exposición quedou lista para acoller unhas xornadas moi especiais dedicadas ao mundo rural.
O alumnado, dividido nos grupos cooperativos de clase (terra, auga, aire e lume), percorreu catro estacións temáticas. Alí gozaron dunha experiencia práctica e participativa, escoitando as explicacións dos pais e nais «expertos» e realizando as seguintes tarefas:
-
🐝 Apicultura: Coñeceron os aparellos empregados na apicultura, fixeron unha cata de mel e aprenderon os diferentes usos da cera das abellas.
-
🍇 Viticultura: Usaron o olfacto para diferenciar cheiros de distintos alimentos e mostos, pisaron uvas, pintaron rollas de cortiza e exploraron os utensilios da vendima.
-
🌱 Agricultura (horta): Plantaron sementes, aprenderon a utilizar distintas ferramentas da horta e descubriron os produtos que nela se cultivan.
-
🐄 Gandería: Aprenderon a muxir unha vaca, fixeron queixo, diferenciaron ovos de distintas aves e viron exemplos de produtos derivados da gandería.
Ao rematar o seu paso por cada estación, os expertos acreditaban o seu bo facer cun selo nos seus «pasaportes de aprendices». Unha vez conseguidos os catro selos… a maxia ocorreu! Os nosos alumnos e alumnas de 3º de Primaria convertéronse en expertos, encargándose de explicar eles mesmos todo o aprendido ao resto do alumnado do colexio, que foi acudindo por quendas.
Para finalizar este fantástico proxecto, realizouse unha asemblea final na que puxemos en común as experiencias, emocións e aprendizaxes vividas ao longo destas xornadas.
Podes ver o resumo en vídeo a continuación!